Agremon weblog (the galician Pitas page)

Pensamentos dixitais (Digital thinking)

Recuncho da lectura (''Galician reading coin'')

Pensamentos (''thinkings'')

A páxina adicada a Hernán (''Hernan's page'')

Weblog de Mariano (''Mariano's weblog'')

Weblog de Santi (''Santi's weblog'')

Vieiros - buscador galego


pitas
hotbot
yahoo

Bivir, Biblioteca virtual en galego
Edugaliza, materiais educativos en galego

Dereito de copia libre, citando a orixe, e de modificación seguindo a licencia copyleft (ver a galipedia, con enlace nesta páxina).

----

Maio, mes das frores en Ribadeo
Seguindo o refrán, 'A primavera, o sangue altera', xurden os primeiros problemas visibles externamente no governo bipartito no Concello. A causa, a votación sobre unha subvención puntual de 12.000 euros (2.000.000 de pts) ó Patrón Maior da Confraría e o convenio dos traballadores municipais. O primeiro fixo que no pobo xurdiran voces (non moi altas, por se acaso) reclamando unha extensión imposible das axudas, a parte dunha división dos votos do equipo de governo. O segundo, tras a aprobación dos sindicatos e refrendo do pleno coa oposición en contra, permite subas de máis de 600 euros/mes nalgúns casos, deixar a vixiancia nouturna como viña facéndose ata o momento ou a división de funcións entre director de banda e escola. Este convenio, que ten tamén descontentos entre os afectados, produxo unha páxina web de protesta que curiosamente foi pirateada a fin de mes.
Esto prodúcese nun maio que deu as súas frores non só na boda do Príncipe e xa Princesa, senón no novo posto de Rato ó timón do Fondo Monetario Internacional. Tamén tivo a súa cara negativa por exemplo na finalización anticipada da tradicional tregua dos cen días do novo governo por mor das eleccións europeas.
Tampouco floreceron neste mes dez árbores no xardín, tras sufrir podas que nalgún caso parecían cortas. En contraposición, Ribadeo segue a crecer, aínda que está previsto que diminúa a altura dalgún edificio por orde xudicial. Pouco que ver coa pensada peatonalización de parte da Avenida Rosalía de Castro (rúa da ponte) cun convenio inédito entre constructores e Concello ou o amaño do piso e subsolo no entorno das catro rúas, preto de onde hai en marcha unhas cantas obras de edificación. Obras que se fan notar, a pesares das subas das taxas (IBI incluído) e as protestas correspondentes, de que volva a saír á luz un trozo de muralla na atalaia ou da falta de obras na cúpula da Casa da Ría en Sta. Cruz, que a mantén inutilizable dende máis de medio ano.
No medio, para algúns o mes foi movido. Por exemplo, Amadores: Hernán como Socio de Honra non evitou que houbera discusións sobre un novo convenio, o Director de Banda e Escola, as relacións entre eles e co Concello... para rematar como comezou, en nada e pedindo o Director unha excedencia de tres anos. No medio, o concerto das Letras Galegas elevou os ánimos de socios e xente interesada. Ou O Tesón, a asociación de veciños, que remata o mes esperando a recepción polo Alcalde mentras se acumulan asuntos sen resolver.
Rematemos de xeito acorde con este mes das frores: novamente o Diadema de Ribadeo acompañou a numerosos actos culturais. Entre eles, destacan por pouco usuais a convocatoria do Premio Daniel Cortezón de teatro ou a presentación do Caderno de Investigación Literaria do IES Gamallo Fierros. Tamén o día da lingua foi celebrado con máis pulo que outros anos, ademais de ter como esceario mariñán a nosa vila cun Correlingua que trouxo 1700 rapaces e rapazas, se ben cun prantexamento do acto que se quedou corto para moitos dos participantes.

Wednesday, June 9, 2004 11:13 p.m.

Nulle dies sine letera
Hoxe non (xa onte), non escribín nada. E como lle estou comezando a coller o gusto a esto, non me resisto a poñer catro letras. Está rematado (v.0) o escrito sobre o camiño de Santiago que está posteado en borrador máis abaixo, pero teño dificultades para cargar os gráficos, co que polo momento quedará sen poñer.
Mentras, vexo aproximarse novos temas, como a selectividade, tras o desencanto que deixou Venus ó non ser observable (apareceu o sol, pero de xeito brumoso e só un cacho) o seu tránsito dende Ribadeo. Outra vez sera... que son outros 120 anos? (contando que non vaia ás antípodas ver o seguinte tránsito abondo antes).
Non me gusta abusar da paciencia de ninguén. Mañá, se teño algo que poñer, aquí estará. Se non, xa virá outro día.
Nota: Os do Departamento de defens dos EEUU, unha vez pasado o de Jenna Bush en Galiza, parece que xa non lles importamos... non visitaron a páxina (polo momento...)

Wednesday, June 9, 2004 12:07 a.m.

A Wikipedia de novo
A wikipedia está a experimentar problemas de novo. Como iniciativa mantida de xeito anónimo pode que se teña feito demasiado grande, aínda que entendo que non debera ser un problema tan gordo. Na última tempada xa tiña notado moitas veces ralentización e outros problemas, pero parece que isto vai en serio porque xa leva máis de 24 horas sen servicio adecuado, aínda que se ven cambios (agora é accesible a base de datos pero non se poden facer modificacións). En fin, esperemos que sexa por pouco tempo e que as iniciativas libres, o software libre e a liberdade en xeral xerminen dun xeito definitivo.

Monday, June 7, 2004 11:38 p.m.

...e tránsito de venus
...segundo parece, mañá en Ribadeo non poderemos ver o tránsito: as nubes farán de pantalla. Con esto, só queda enterármonos polas noticias, outros blog, web, etc.

Monday, June 7, 2004 11:37 p.m.

Bush e Santiago
Xa descubrin o que facía Jenna Bush no Camiño de Santiago: como boa filla, que quere ó seu pai, purgaba as penas paternas ... curioso eso de que non visitou o Santiago Matamouros que tanto lle gustaría ó seu pai (News of the La Voz de Galicia)

Monday, June 7, 2004 11:35 p.m.

Unha última noticia sobre o tránsito de Venus
Neste enderezo, http://www.vt-2004.org/ estáse a facer un segumento do fenómeno, incluíndo grupos. E, neste outro, en castelán polo Planetario de Pamplona. E cousas en galego.

Monday, June 7, 2004 01:27 p.m.

Un borrador sobre o Camiño de Santiago na Veciñanza de Ribadeo
- Faltan os esquemas; próximamente aparecerá complet - O Camiño de Santiago no entorno de Ribadeo.
Son abundantes os pelegríns que parten de Ribadeo camiño de Santiago, comecen ou non a súa viaxe na nosa vila. Abondo menos son os ribadenses que parten facer ese camiño sen ir motorizados, collendo como referencia os fitos que delimitan a vía. Nembargantes, é un camiño que se pode disfrutar como paseo dunha mañá de domingo, alomenos se se fai en trozos. Estas liñas van nese sentido: achegar unha parte do Camiño de Santiago, a máis próxima a Ribadeo, ós veciños para que sexa algo coñecido e, por ese coñecemento, máis á man para emprendelo.
Repito que non se trata de animar a facer o camiño continuado ata Santiago, senón de disfrutalo na nosa veciñanza. Para elo, collerase como referencia os fitos postos no anterior Ano Santo e aclararase algo máis a ruta, pois as marcas unhas veces deixan o camiño á esquerda, outras á dereita, de tal xeito que aínda que aclaran moito a vía, poden inducir a erro en determinados casos.
Para comezar o camiño, partiremos da capela de San Lázaro (fig. 0), evitando, como coñecedores do terreo, as preguntas dos pelegríns para seguir a ruta en pleno Ribadeo (continuación das mantidas para atopar o albergue).
Aproveito para indicar os significados dos símbolos usados: supoñemos que quen camiña ven da esquerda, segundo unha frecha indicativa, e sae seguindo a frecha situada na continaución. O símbolo de capela é usado algunhas veces, e a maioría o cadriño vermello sinalando unha pedra indicativa do camiño. O símbolo de fonte en só tres ocasións. Seguindo pola rúa S. Lázaro cara á saída de Ribadeo, a uns 250m da capela atopamos o cruce da antiga vía do tren, que nunha esquina alberga ó campo de fútbol e noutra a primeira pedra indicativa do camiño (fig.1), que baixo dunha cuncha estilizada marca 194,041 quilómetros ata a Porta Santa da Catedral de Santiago (P.K.194.041)
Deixando á beira dereita a pedra, collemos alí a antiga vía cara a Ove pola Faxarda, e tras pasar por baixo a ponte do ferrocarril chegamos ó primeiro cruce en ruta, que deberemos de solucionar seguindo de frente, como trata de indicar unha frecha amarela nun poste que deixaremos á esquerda. As frechas amarelas situadas en postes, árbores, valados, no chan do camiño ou en calquera sitio pintable tratan de dar unha indicación suplementaria, se ben en xeral non nos referiremos a elas.
Nese cruce podemos dicir que saímos de Ribadeo, pois a partires de aí as casas xa están moi separadas en xeral as unhas das outras. Nembargantes, xa levamos en terreos de Ove un rato. Pola antiga vía chegamos ó seguinte punto con pedra indicativa (fig.2):
Un pouco máis adiante (fig.3) temos que torcer á dereita para ascender, pasando por unha ponte por riba da liña de FEVE, ata Ove (P.K.193.547), barrio da igrexa, no que teremos que tomar dúas desviacións, unha á vista da Igresa de S. Xoán (fig.4, P.K.193.273) e outra un pouco máis adiante na subida (fig.5, con indicación na parede da antiga escola de Ove, sen distinción quilométrica).
A notar que este tramo, dende que deixamos (fig.3) a antiga vía e ascendemos a Ove, ata que coronamos a costa de Sta. Cruz, é o máis difícil e o que máis desanima a seguir por estar prácticamente ó comezo. Tamén é o que nos permite unha panorámica mellor, ó ter ós nosos pés Ribadeo e a ría, sempre cambiantes, un por as obras dunha vila en crecemento, a outra polas mareas, e ambas por as luces dos diferentes días, luminosas ás veces, tristes outras, outras en fin apagadas pola néboa que nos mete en plena costa de Sta. Cruz nunha zona sen tempo.
É neste tramo onde podemos visitar a primeira das igrexas e capelas ó longo do percorrido, a primeira tamén que leva a ondear o seu pendón á festa das Cruces, na Ponte. E, tras pasar a escola, hoxe edificio usado pola Asociación de Veciños e esperando un remozado, ascendemos ata o cimeterio en medio de prados, continuando despois metidos no bosque de eucaliptus entre paxaros que deixan ouvir os diferentes cantos e de cando en cando, algún can que anuncia vivendas próximas. Unha vez entrado na zona de árbores, o camiño xa non nos permite a vista da ría nin de Ribadeo, a cambio de pasar dunha costa dura a outra máis suave.
Atopamos outra pedra indicativa no P.K.192.512, no desvío á Sta. Cruz (fig.6) e tras deixar a costa máis inclinada atrás.
É un bó sitio para coller á dereita, polo camiño máis pendente, e facer unha visita a Sta. Cruz, Capela, cruz de pedra, cruz de cemento, monumento ó gaiteiro, mirador, parque infantil, casa da ría, zona de merendas e tamén o único sitio para 'tomar algo' nuns cantos quilómetros. Se continuamos camiño de Santiago, deixamos a ascensión pesada para chegar a unha zona de subida máis suave e cando atopamos unha pequena baixada estamos á vista da fonte do Valín, lugar para beber e descansar. Un pouco antes, pasamos un cruce ca pedra que nos comunica o P.K. 191.882 (fig.7) e que deixamos á dereita. É dicir, despois de percorrer 3 quilómetros e meio dende o comezo da camiñata na Capela de S. Lázaro. A vista xa é diferente, a pesar da veciñanza da estrada de Vilela, que deixa ó ruído de coches mezclarse co da auga.
Despois do Valín, seguimos a ruta pola mesma estrada, deixando a desviación ó punto de recollida de lixo á esquerda, e fixándonos un pouco máis adiante, na frecha amarela nun poste á nosa dereita e logo, noutro á outra beira do camiño. Xa co piso de pedras e terra pasamos unha granxa e nos achegamos a outro dos tramos nos que o camiño vai beireando, literalmente por baixo ou cruzando as liñas eléctricas.
Así saímos na Pastoriza a outro claro con campos, e no P.K. 191.004 (fig.8) tiramos dereito, deixando ós poucos metros máis adiante un camiño que sae á esquerda.
Tras pasar nesa zona un centenar de metros asfaltados, seguimos polo camiño de terra e pedras ata o río de Ramos (fig.9, P.K.190.620) no que se colle a estrada de Vilela por meio quilómetro.
Depende moito da marcha, as paradas, etc, pero neste punto pode cronometrarse arredor dunha hora de camiñata, a maior parte dela en subida, e que contrasta co resto do camiño que aquí se trata, no que se prevé unha certa relaxación no paso ata chegar a Cubelas ás dúas horas e meia de camiño.
No Río de ramos entramos na estrada nunha curva na que os camiñantes deben tomar precaucións. Tamén hai que ir atentos porque a desviación á esquerda no P.K.190.007 (fig.10) está por tempadas cuberta pola maleza.
Nes punto quilométrico metémonos por algo máis de mio quilómetro por un camiño onde os eucaliptos alternan con robles, castaños, pinos e tamén fentos, silvas, toxos... e paxaros e ata burros, na desembocadura nun xardín ben coidado dos que existen ó longo deste tramo ribadense do camiño. Así, chegamos ó P.K. 189.678 que marca un entroque (fig.11) de novo coa estrada de Vilela e que un pouco máis abaixo, á beira esquerda, descobre unha fonte que podemos usar para descansar nunha paisaxe marcada polo val do río Pequeño. A fonte está xusto na desviación á Casa da Edra e Carbueiro.
Aínda que é unha zona con paso de coches pola estrada, para quen lle gusten os ruidos do campo é convinte levar unha gravadora, onde poderá recoller o cucú do cuco. A carretera esténdese ós nosos pe ata o seguinte cruce, algo complicado (fig 12, P.K.188.940, á beira da Capela do Carme)
Neste cruce, podemos descansar na zona da capela, recentemente adecuada, seguir o camiño pola estrada vella camiño da veciña Vilela ou ben facer unha visita á parte alta do val do río Pequeno, collendo o camiño máis perpendicular no cruce.
Se seguimos, ós poucos metros atopámonos con Vilela, onde deixamos á esquerda da estrada o P.K.188.585, xusto antes da ponte sobre o río Pequeno. (fig.13)
No núcleo de Vilela tamén podemos coller cara á esquerda para continuar polo val do río abaixo ata chegar á ría. Se continuamos o camiño, ascendemos cara á ó lugar de A Pena, que marca a divisoria de augas entre o río pequeño e o río Grande, e onde, á altura da casa alí existente, o camiño desvíase da estrada, tirando á dereita camiño de Vilar (fig. 14, P.K.188.247).
No tramo seguinte hai unhas magníficas vistas sobre o val do río Grande, ó tempo que volve cambiar a vexetación á beira, onde aparecen as campaniñas para estoupar.
Á altura de Vilar fánse máis patentes vacas e ovellas pastando, así como algunha colmea e os graxos entre os paxaros. Neste tramo de carretera atopamos o P.K.187.800 (fig.15) e P.K.186.403 (fig.16) no que abandoaremos a estrada de Vilar pouco antes de chegar a entroncar coa estrada Reme-Vilamar para entrar nun camiño de terra que sube e ten trozos que non están en moi bo estado e con algún lixo.
Atopamos un novo indicativo no P.K.185.745 (fig.17) xusto nun cruce no que o camiño que seguimos vese cortado por un particular e temos que coller á dereita nunha subida que entronca ós poucos metros con outro camiño que hai que tomar á esquerda e que comparte na súa primeira parte, un pequeño rego que en época de chuvia dificulta o tránsito.
Deste xeito chegamos ó súltimos cruces, P.K.185.603 (fig.18), outro sen señalizar e no que se deberá seguir dereito deixando o camiño de terra e pasando ó asfalto (fig.19), un terceiro próximo á fonte e ó rego de Cubelas (fig.20), e o último que remarcaremos, na fig. 21, P.K.184,991, no que daremos por rematado este tramo de camiño.

Sunday, June 6, 2004 11:53 p.m.

Para evitar o que lle pasou a Mariano Grueiro
As explicacións, na súa páxina web. Eu, por se acaso a experiencia con Jenna Bush se repite, remato de copiar tódolos datos da miña web...

Saturday, June 5, 2004 11:53 p.m.

Venus, tránsito, Galicia, Estación Espacial..
Algo que remato de atopar nunha mensaxe de http://spaceweather.com: SPACE STATION TRANSIT: Transits of Venus are rare, but this is unprecedented: The International Space Station (ISS) is going to cross the Sun four times during the 6+ hour transit of Venus on June 8th. Advanced observers in parts of Europe, Africa and Asia might be able to record the double transit. Get the details at Spaceweather.com.
É dicir: a ISS atravesará varias veces o Sol ó tempo que o fará Venus. Máis detalles na ligazón de Spacewheater ...

Saturday, June 5, 2004 11:48 p.m.

Aclaración sobre o tránsito de Venus
>
> Venus fará a súa aparición ás sete e vinte da mañá e sairá do disco á unha e vintecinco. Tardará vinte minutos prácticamente xustos en entrar totalmente e un pouquiño menos en sair. Ata aquí os datos.
>
> e dicir, sete e vinte mais vinte e oito menos vinte , non unha e vintecinco
>
> coido que perdirnme polo camiño
Trátase do tempo que tarda o disco de Venus en entrar no disco do sol, e logo o tempo que tarda en sair. O resto, é o tempo que tarda en atravesalo por diante del, dende que finaliza a súa entrada ata que comeza a súa saída.
Se queda algunha pregunta, sigo aquí.

Saturday, June 5, 2004 11:46 p.m.

perdón polas molestias. Entrada de proba
Mapa dos husos horarios en Europa: Recollido das páxinas da Unión Europea, http://europa.eu.int/comm/mediatheque/multimedia/select/maps/p-010370-00-2h.jpg, unha fonte a meirande parte das veces libre.
Lembra que no horario de verán, hai que sumar 1 hora máis, sería pois, no caso de españa, GMT+2.
Por certo, GMT é Greenwich Mean Time, tempo medio de Greenwich, o lugar do meridiano 0 (lonxitude 0º) na Terra, que pasa tamén relativamente preto de Barcelona.

Saturday, June 5, 2004 03:59 p.m.

Venus, tránsito e determinación da Unidade astronómica (U.A.)
A unidade Astronómica (que non gastronómica) é a distancia media Terra-Sol, usada en astronomía para diversas cuestións, entre as que se atopa a medición de distancia a corpos lonxanos (Estrelas, por exemplo)
A cuestión é que reamto de ver (aínda non de ler) una rtigo na 'Revista española de Física', 'El Tránsito de Venus para determinar la unidad astronómica de distancia' que inclúe como fundamento a visita de Cook á Polinesia para ter dous puntos para a determinación dos datos do tránsito e así facer os cálculos da UA.
Por cenrto, algo deso, de xeito máis sinxelo, podía verse no artigo da NASA xa referido abaixo.

Saturday, June 5, 2004 02:41 p.m.

Polo porto de Ribadeo e o club Náutico
Hoxe leveime unha sorpresa: os novos pantaláns de Porcillán aínda non están rematados, pero xa hai barcos atracados. E falo de barcos, non de botes, porque algún é de dimensións respetables, maiores que os barcos de pesca que quedan en Ribadeo, ós que si que cabería mellor chamar botes.
Vése que había presa por aparcar as lanchiñas... é comprensible co bó tempo que está a facer hoxe...

Saturday, June 5, 2004 02:37 p.m.

Sobre o Banco Santander ou BSCH
Hoxe botei unha ollada ó 'Informe Accionistas' do BSCH. Abrín por unha páxina e o primeiro gráfico que me chamou a atención... bingo! Era unha representación nun gráfico de barras co número de accionistas e o porcentaxe de capital social, distribuidos por grupos segundo a cantidade de accións.
Ó ver que había dúas cores e só unha no gráfico, percibín algo extrano. ó fin, non o era tanto. Resulta que 529 accionistas, de máis de 1.000.000, teñen 'só' o 62,77% das accións... Se esa porcentaxe se puxera no gráfico, sobresairía catro veces máis que o seguinte trazo na mesma cor. Es é a explicación de que non apareza o gráfico. Case medio millón de accionstas teñen, no outro extremo, só o 0,74% do capital. As diferecias son craras. O ocultalas (o tentar de facelo), non tanto.
Quen quera ter esa información, que pida o informe accionstas 2004 e mire na páxina numerada como '2'. Seguro que hai máis 'perlas', pero eu non seguín mirando.

Saturday, June 5, 2004 12:28 a.m.

Jenna Bush
En continuando a miña experiencia sobre a visita do Departamento de Defensa dos Estados Unidos en relación con Jenna Bush, leveime hoxe un chasco: A rapaza rematou a súa peregrinación, co que o DD dos EEUU non terá moito interese nas páxinas en galicia sobre JB. Pero o chasco foi doble. A boa da rapaza, seguramente mal aconsellada como o seu pai, nin fixo a visita para ver o Pórtico da Groria. Parece que o pasar da cultura ven de familia. Como ela é nova, ó mellor aínda pode escapar desa herdanza.

Friday, June 4, 2004 11:30 p.m.

Un cálculo sobre a ría
Hoxe, con motivo dunha visita á praia de San Román nas Figueiras, observei a diminución de area, causada segundo entendo polo dragado da ría. O caso é que un cálculo aproximado da unha cifra de meio millón de toneladas de area dragadas dende o verán pasado... Quen quera máis detalles, que os pregunte. Por certo, quero aclarar que teño os mesu cálculos sen confirmar.

Friday, June 4, 2004 11:23 p.m.

Novas de Venus
Xa comezan os diarios a dar novas sobre o de Venus. Hoxe, Le Monde introduce na versión dixital unha nova. Especifica que Venus atravesará o Sol pola parte de abaixo, durante seis horas. Especifica tamén o periodo de tránsitos: 121 anos e meio e 8 anos, logo 105 anos e meio e 8 anos e volta a comezar.
Asemade da unha chea de datos sobre Venus. resultado: se sabes francés, visita Le Monde e na sección de ciencia, tes a ligazón a 'Vénus, un éphémère grain de beauté sur la face du Soleil'.

Friday, June 4, 2004 11:13 p.m.

Sobre o tránsito de Venus o día 8
Xa está na wikipedia traducido un artigo que explica abondo ben o que é un tránsito. Recoméndovolo!

Friday, June 4, 2004 12:27 a.m.

Jenna Bush
Isto é só unha experiencia: o meu amigo Mariano posteou no seu blog una artigo sobre Jenna, a filla do Bush Presidente dos Estados Unidos de América, e recibeu unha 'visita' do Departamento de defensa americano. vou tentar a sorte e ver se a min tamén me toca. Mantereivos informados.

Thursday, June 3, 2004 12:11 a.m.

Tránsito de Venus o día 8
Un tránsito é o paso dun astro por diante de outro, por exemplo, mercurio ou Venus por diante do Sol, ou Xúpiter por diante das pléiades. Hai tránsitos frecuentes, como o son por antonomasia os de Mercurio por diante do Sol, e outros moito máis raros, como o do día 8 de venus por diante do Sol, que se produce en ciclos de 120 anos, 6 anos, 120 anos, etc. A próxima vez será só dentro de 6 anos, pero moi probablemente non se poderá ver dende aquí (non o comprobei aínda, pero será o máis seguro), e logo deberán pasar outros tantos anos.
Por que eses ciclos? Pola inclinación relativa das órbitas da Terra e Venus e os seus periodos de revolución. Para máis explicación necesitaba outras ferramentas... Pensareino

Wednesday, June 2, 2004 11:49 p.m.

Máis sobre Venus e o seu Tránsito
Aí vai unha páxina da NASA sobre o tema (mágoa que sexa específica para norteamérica): http://science.nasa.gov/headlines/y2004/02jun_viewersguide.htm?list1047737

Wednesday, June 2, 2004 11:35 p.m.

Tránsito de Venus por diante do Sol o 8 de xuño de 2004
Dende fai máis de 120 anos non se produce un tránsito de Venus por diante do Sol. E dicir, dende 1882 non se ten a oportunidade de ver pasar a Venus por diante do Sol, un fenómeno que se poerá ver dende a Mariña o día 8 de xuño deste ano 2004. Está previsto que, segundo a hora oficial, ese día salla ás 6h 53minutos da mañá e se poña ás dez da noite. Venus fará a súa aparición ás sete e vinte da mañá e sairá do disco á unha e vintecinco. Tardará vinte minutos prácticamente xustos en entrar totalmente e un poquiño menos en sair. Ata aquí os datos.
Para a súa observación, é preciso lembrar que estaremos mirando ó Sol, co perigo grande de queimar os ollos, polo que é aconsellable usar un filtro de soldadura ou usar un espello para proxectar a imaxe nunha parede branca, sempre que non se dispoña dun filtro solar adecuado. Lémbrase que veremos sobre todo, Sol, e o tránsito só como un detalle no disco solar.
Venus é un planeta con unha atmósfera moito máis densa que a que disfrutamos aquí, o que se notará porque a beira do planeta, mentres que esté atravesando por diante do sol, notarase parcialmente iluminada e non totalmente nidia. É dicir, teremos no sol unha especie de mancha negra con bordes borrosos.
Antes de atravesar o Sol, notaremos como a 'mancha negra' no sol vai aumentando dende un punto a un pedazo de círculo para logo chegar ó círculo enteiro. Asemade, notarase un fenómeno óptico nas beiras, semellante ó que podemos ver cando sobre un fondo craro achegamos moito dous dedos pouco a pouco ata chegar a tocalos, parecendo que se tocan antes de chegar a tocarse realmente.
Estes días nos arredores do eclipse é de supoñer que saian nos xornais diversas noticias sobre o evento astronómico; de calquera xeito, para ampliación do coñecemento sobre o tema, nas páxinas da NASA (National Aeronautics and Space Administration), como páxina en español, poderase acceder a información relacionada, do mesmo xeito que nas da ESA (Axencia Europea do Espacio, na súa web en castelán). Polo que a min respecta, na páxina agremon.pitas.com tentarei de dar información máis detallada ó respecto.

Wednesday, June 2, 2004 05:54 p.m.

Un pouco de propaganda
Estou comezando a ler (seguro que non o remato, pois vou ir por partes, as que me interesen) o libro 'leeme.ya'. Pódese mercar ou ler nesta páxina. Mercalo costa, pero se o vas ler enteiro probablemente compense. E ten cousas moi boas para enterarse desto da informática. Tanto que lle dan a un ganas de crear un blog adicado a explicar informática a medida que vou aprendendo...

Wednesday, June 2, 2004 09:45 a.m.

galipedia (wikipedia en galego, enciclopedia libre, coñecemento cooperativo, ...)
Unha vez rematado maio, o mes das frores, vese que hai cousas que teñen unha traxectoria continuada, pouco sometida a cilcos como os das estacións. A galipedia pretende ser unha delas.
Vemos que a versión inglesa ten varios centos de miles de artigos metidos, sendo hoxe por hoxe a maior enciclopedia a nivel mundial. Con máis de 20000termos, a versión española vai moi retrasada respecto da anterior, pero xa acadaou un nivel que lle permite competir con outras enciclpedias, e segue a crecer a un ritmo bó. A galipedia, abondo máis pequena, está por chegar nestes momentos ós 1500 termos, multiplicando o seu contido por máis de catro en menos de seis meses. Aumenta en contido, en número de usuarios, en número de visitas, ... e de tódolos xeitos aínda non acadou ese mí­nimo que lle permita unha supervivencia sen coidados especiais. Cándo o acadará non se sabe, pero a vontade dos colaboradores desta enciclopedia é que o acade, e así­ o fará coa axuda de todos.
O crecemento que mantivo ata o momento, moi irregular, en ningún momento deixou de ser eso, crecemento, aí­nda que non tódolos í­ndices foran crecentes en todo momento.Así­, o número de visitas ou consultas baixou o mes pasado, pero mantí­vose i­nda así­ por riba de xaneiro ou febreiro, e non digamos dos meses anteriores. Mentres, a base de datos, número de artigos, mesmo tamaño meio dos artigos, seguiron a crecer como se pode consultar nas estatí­sticas accesibles dende a portada da enciclopedia.
En fin, a calidade dos artigos empregados tamén creceu. Non coñezo un xeito doado de certificalo, pero boa parte das intervencións que se fixeron nos artigos durante o mes foi para engadir, corrixir, poñer ó dí­a, cousas; É dicir, para mellorar, e hai que ter conta que un sistema como da wiki (ver o termo na galipedia) permite que a enciclopedia esté máis ó dí­a que calquera das comerciais.
Non vou a facer eiquí­ loas incontidas á galipedia: unha comparación coa wikipedia inglesa, ou mesmo coa española, denota que queda un moi longo camiño por percorrer ata acadar algo parello a un ideal. Pero xa sexan pedras ou grans de area, vanse incorporando e cementando o edificio que presenta un bó futuro, con tódolos inconvintes que poda ter, e que tamén lle vexo. Como mostra, a lentitude coa que ás veces se pode acceder, os actos de vandalismo (que existir existen, aí­nda que en breve tempo son corrixidos) ou que a interfaz aí­nda non está totalmente traducida (hai palabras nos avisos que están aí­nda en ingées). Todo é mellorable, e estase a mellorar coa axuda de todos. De pronto, cando teño algo que mirar nunha enciclopedia, dirí­xome a galipedia, e, se non esá¡ aí­, salto por hiperví­nculos á versión española, francesa ou inglesa e teñ máis seguridade de atopalo, e máis doado, que se me desprazo para buscalo nunha enciclopeida tradicional (ó menos, se estou no ordenador :) )

Tuesday, June 1, 2004 09:58 a.m.

E eu que non sabía...
Non sabía, e creía que non me afectaba o convenio do Concello máis aló de pagar os soldos (axudar a facelo, como todos os ribadenses, supoño). Pois non. O primeiro vistazo foi decisivo: aínda non din máis, pero estou para recuperarme antes de seguir. Resulta que tras promesas de que a Policía local ía actuar polas noites pola semana, o convenio contémplase seguir como ata agora: noites de sábados a domingos e só ampliación dunha noite (venres a sábados) no verán. Esto, cando todo o mes leva a discoteca futura anunciando que cerra ás 8 (horas despois de do que debera) sen que pase nada, ou cando os ruídos dos trasnoitadores xa son correntes despois de mencer, por poñer dous exemplos. Ou mentras se piden por dúas veces, e xa fai meses da última, os criterios de revisión de locais nouturnos, sen resposta polo momento, sen saber que ten que facer cada un, continuando a facer ruído, ...
Coido que, se dixera mentira, ata cabe a posibilidade de rematar no cárcere. 'Ergo', non o estou a facer, porque cousas semellantes lévoas dicindo anos. (uns cantos...) Por se acaso, teño unha morea de documentos, que espero que pouco a pouco vaian servindo para que podamos vivir todos (e podan seguir gañando cartos os establecementos, deixando durmir)

Sunday, May 30, 2004 11:41 p.m.

A noite
A noite de sábado a domingo é algo raro. Alomenos para min. Cada vez proliferan máis os xestos tendentes a sacralizar a noite, esta noite en particular, sen un apoio sentido, razon, ou... O único, algo forte, un sentemento de que é 'a noite dispoñible' e polo tanto, hai que aproveitala, aínda que aproveitala sexa non saber ben que facer. A cuestión é que o 'ser dispoñible' debe preservarse.
E nesas estamos cando 'preservarse' significa non preservar a noite dos demais, o uso natural, histórico, lóxico, etc. da noite: o descanso. 20 decibelos por encima do permitido acompáñanme dende fai tempo para durmir esta noite. O resultado, que non durmo. Creo que podería escribir un libro sobre o tema, pois lévoo moi madurado dende que sufro o problema. pouco a pouco vou poñendo o meu grao de area para a solución, ó memos, para parte dela, pero aínda queda... moito, abondo máis do que se leva solucionado ata o momento, e contando que as autoridades miran en xeral para outro lado cando non apoian de xeito descarado que o problema siga adiante, o tempo para aproximarse a unha solución mídese como mínimo en anos, cando non en décadas. Por exemplo, en xeral aínda non se ten constancia dunha formulación adecuada do problema, no que se mezclan ruídos, alcohol, desarraigo, sistema social, ...

Sunday, May 30, 2004 01:01 a.m.

Camiño errático
Este blog lévoo cun camiño errático (que non errado). Digo que non teño previta unha continuación, e cada día derivo nun ou outro sentido. É dicir, é errático. Teño pensado facer unha división en dous ou tres espazos diferentes. Ou seguir a senda do meu amigo Mariano de meter todo nun mesmo saco, pero con compartimentos que se poden ver de xeito individualizado. Xa verei a solución que tomo, pero véxoo cada vez máis achegado aínda que tarde en tomala.
Volvín sobre o tema do blog (eso de bitácora úsoo se non hai máis remedio, non dou entrado) por algo abondo lonxano: esta mañá, dando unha volta polas aforas de Ribadeo (zona de Piñeira) vía, dividida por unha casa, a zona de expansión de Ribadeo en bloques de edificios. E é que Ribadeo crece, pero non acabo de ver que non sexa dun xeito errático... sen plan e pretendendo telo (pode que cadaquén o seu)

Saturday, May 29, 2004 12:56 p.m.

Chao
Distingamos para comezar: Ciao e Chao son un saúdo de orixe italiana e un apelido de orixe galega que convirte o chao en designación de persoa. Ven a conto de que remato de ler na Voz de Galicia un artigo de Xosé Chao Rego. Este é un home que fala da vida coa escusa de falar da relixión, ou da relixión coa escusa de falar da vida, e por eso lle teño aprecio ás súas opinións ou ó que eu interpreto delas: permiten pensar que somos algo que trascende en termos parecidos ó sftware libre, que ten como referencia a empresas e grupos de programadores pero danos a nós a liberdade sobre os programas. Para quen non o entenda, que faga programas igual a actitudes empresas a igrexas e grupos de programdores a teólogos e outros asimilados e verá a relixión como algo que podemos ter, na que podemos usar unhas referencias, pero que non pode ser imposta nin xerar débedas cunha estructura máis aló do que un quera en cada momento.
Non sei se me expreso ben ... a relixión aínda está máis metida nos corpos que o sftware propietario....

Saturday, May 29, 2004 12:40 p.m.

Unha noticia
Unha noticia que sairá na prensa dentro dunhas horas: a asociación de veciños pideulle o Concello de Ribadeo (ó seu concellal de facenda) unha explicación pública da suba das tasas. Non é a primeira vez. Pero si é a primeira vez que o concellal correspondente pideu colaboración para facelo. O futuro político está no achegamento ó povo, non no alonxamento (polo menos, por eso loitamos moitos) e esa sería unha medida no bó camiño, con moitas incógnitas polo medio, como como responderá a xente ou as dotes de explicación pública do concellal. E a valentía necesaria para facelo, que tamén conta.

Saturday, May 29, 2004 01:27 a.m.


Protesta constructiva
Vexamos: protestar é un dereito.
Pero facelo porque si, por un quítame aló esas pallas, xa non o vexo conveniente. Esto ven a que en Ribadeo na última tempada estáse dando o fenómeno da protesta pola protesta, para ocupar prensa, sen máis.
Critico con esto a postura dun partido político, que agora protesta por facer obras nas rúas do povo. Evidentemente, sería mellor facer obras sen sufir as consecuencias, pero, dentro dunha orde, é o normal e obrigado. Por exemplo, hai alguén que sexa capaz de sufrir obras na propria casa sen literalmente, sufrilas? É preferible que se fagan no verán? É preferible que non se fagan? Xa entramos noutros razoamentos, pero as obras na rúa non se poden facer sen que se vexan e se note.
Outra cousa é que o xeito de facelas sexa bó, que tarden demasiado, etc. Sobre eso, si que se pode falar, o mesmo que sobre a conveniencia dos seus obxectivos, por exemplo.


Friday, May 28, 200409:14 p.m.





Sen noticia
Faigo un descanso noutras labores para escribir unhs liñas. Hoxe nin leín o periódico nin escoitei a radio, nin vin a televisión... estou fóra das noticias. Esta é unha das cousas que pode ser boa ou mala, segundo como se mire. Pero, en calquera caso, fai que a vida se mire nun entorno menos inmediato.


Friday, May 28, 200405:49 p.m.


Un novo problema
Pode que o título non esté demasiado ben posto, pero a realidade é que en Ribadeo están a crecer os problemas como fungos, en particular os problemas para o equipo de governo do Concello. Senón, mirade esta web:
http://www.usuarios.lycos.es/discriminadosunidos/
E, todo, segundo parece, por 'peccata minuta': aumentos selectivos de 600euros/mes e outras aínda máis mequenas cuestións...


Thursday, May 27, 200404:59 p.m.


Hoxe
Hoxe saiu nos xornais unha noticia: o concelleiro de medio ambiente deu unha charla (a escolares) sobre a axenda local 21 e o municipio turístico sostenible. Despois de ver dúas noticias antes desta, pode chamárselle a Ribadeo 'municipio turístico sostenible? Non será máis ben 'municipio turístico dispoñible'? Que axenda teñen localmente para este século? Foi feita pública en algures? Foi consensuada, ou ó menos atendidas as opinións dos veciños?


Wednesday, May 26, 200411:24 p.m.


Unha pregunta para ti, lector
Parécevos ben como tema para un artigo en Ribadeo 'Ribadeo dixital: webs, blogs e news/Ribadeo en internet: páxinas na rede, cadernos de apuntes e noticias'?
espero as vosas opinións polo correo electrónico (ver parte superior dereita...)


Wednesday, May 26, 200411:01 p.m.


Unha visión. Negativa?
Poño o seguinte con medo de ser moi negativo, negativo de máis... tentarei compensalo noutro momento; tómese como un estado de ánimo... e, se hai algún lector coñecedor desta realidade ribadense e opina que algo non é certo (sempre nos podemos equivocar, e gustaríame que fora así) por favor, que mo comunique por correo-e para facer a corrección inmediata.

Ribadeo
Estamos en Ribadeo. Rúas levantadas, en aras do futuro que representa o gasto duns fondos europeos para reparar unhas rúas. Ribadeo, onde polo momento van cinco meses preguntando polos criterios de revisión dos locais nouturnos (e que si queres arroz, Catalina). Seguimos en Ribadeo: un devolto á porta dun garaxe segue hoxe, mércores, dende o sábado noite 'fever' sen baldear e cheirando (vai diminuíndo, cheiraba máis o domingo). En Ribadeo, si, onde despois de sachar por séculos un pedazo pequeño de terra descúbrese por casualidade un retazo da antiga muralla. No mesmo Ribadeo no que días despois de encabezar unha manifestación multitudinaria contra o recheo, o Alcalde pasa a apoialo, mentres outro punto fundamental do apoio, o Patrón Maior, pasa a calar e seis meses despois recibe unha axuda/subvención... (a forma non importa moito) de 12000euros (2.000.000 das antigas pesetas). O mesmo sitio onde os 900millóns de pesetas que deixaron de débeda os populares pensan ser reducidos diminuíndo as festas en cantidade (suponse que tamén en calidade), ó tempo que pasa a haber dúas liberacións por adicación ó Concello, subidas de máis do 50% nalgunhas taxas sen mellorar o servicio e aumentos de 600euros para algúns funcionarios (que non para todos) que quedarán cristalizadas a pesares de ser calificadas en función da productividade. O mesmo Ribadeo no que de pronto aparecen máis pisos nos edificios e máis casas, pero parece que as rúas seguen tan estreitas coma sempre e máis cerradas que nunca. O Ribadeo dos ruídos nouturnos, que xa cumpriron o decenio de protestas no medio dun aumento de vigor de xeito continuado. O Ribadeo onde unha discoteca leva anunciado todo o mes de maio 'aberto ata as 8 da mañá' sen que pase nada aínda que se salte á torera os horarios de peche, aínda aumentados este ano. O Ribadeo onde se retirou uns meses unha alfombra esvaradiza de goma para voltar a poñerse de novo. O Ribadeo que protesta pola externalización de servicios e vai externalizar máis. O Ribadeo que se ve dende a cúpula do observatorio de Sta. Cruz, pechada e sen amañar dende fai máis de seis meses. O mesmo Ribadeo que ten ordenadores ó servicio do público desaparecidos á vista do mesmo dende fai anos sen ou con internet. O mesmo Ribadeo que non ten polígono industrial e di que o vai ter... o mesmo que se dicía fai máis de vinte anos. O Ribadeo onde se propón que os plenos se rematen con preguntas dos asistentes e hai posibilidades de que se faga antes do próximo século. Si, o mesmo ...
Xa abonda. Lector, podes seguir ti, que a bon seguro no maxín tes cousas polo estilo que eu descoñezo. E, se non sabes abondo, pregunta. E lembra, lembra para o futuro, ese que pretendemos que sexa de tódolos ribadenses.
Mentres, lector, por se hai dúbida, quero que quede craro que quero a Ribadeo e que faigo por el, por nós, o que creo que podo.

Friday, May 28, 2004 09:26 p.m.

----

Dereito de copia libre, citando a orixe, e de modificación seguindo a licencia copyleft (ver a galipedia, con enlace nesta páxina).

Para e-correo / e-mail: agremon2001 + @ + yahoo + . + es


Recuncho da lectura

Pensamentos

Arquivos vellos deste blog

A galipedia, enciclopedia en galego libre

vieiros
open directory
altavista
google